Requisitos

O sistema de xestión forestal sostible de PROMAGAL está pensado como un servizo para os socios, polo que o primeiro requisito é pertencer a algunha das asociacións de propietarios forestais integradas en PROMAGAL.

Calquera monte que se queira integrar no sistema debe contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal redactado por un técnico competente en materia forestal (enxeñeiro técnico forestal ou enxeñeiro de montes). No caso de que o monte teña menos de 25 ha pode optarse por rexer a xestión adscribindo o monte a un dos plans conxuntos elaborados (actualmente existen dous plans conxuntos para o norte de Galicia: Distrito I e Distrito VI).

Unha vez cuberta a correspondente solicitude de adhesión realizarase unha avaliación de campo (visitarase o monte) para comprobar que a xestión realizada cumpra cos requisitos do sistema. Posteriormente realizaranse un estudo da documentación e o cálculo de diferentes parámetros ambientais, forestais e socioeconómicos. Se o resultado é positivo o monte pasará a formar parte do sistema de xestión forestal sostible de PROMAGAL.

Os traballos que se realicen nos montes adscritos, tanto polo xestor como por empresas contratadas, deberán seguir o contemplado no Manual de boas prácticas (apartado DOCUMENTACIÓN). É moi importante que se comunique calquera cambio con respecto as condicións iniciais que se produza nos montes adscritos.