Unidos, co eucalipto a 45 Euros

Ramón Reimunde

 

 Afirma Pereira, que sabe tanto sobre o eucalipto, que na Mariña e no Ortegal temos a máis importante masa eucaliptal de Europa, con trinta concellos que teñen listas para cortar un millón de toneladas cada un, de moitos propietarios. Por tanto o eucalipto non é un ben escaso, senón abundante e de extraordinaria calidade na subespecie glóbulos, mais pode conseguirse que sexa máis escaso regulando as cortas de forma racional e organizada, o cal fará subir o seu prezo e rendemento. A única forma  de conseguir iso é poñer de acordo aos produtores con cortas e ofertas conxuntas.

 

  Tamén afirma este Pereira que os próximos cinco anos serán os mellores para os donos de montes de eucalipto, porque non hai bastante madeira no mercado e as fábricas e portos consumen ben del. Madeira hai moita, pero no monte, de pé. Parece unha contradición, mais se non vendemos a menos de 42 Euros/t máis Ive, non entrará no mercado e este colapsará por falta de stock nas fábricas, portos e empresarios compradores. Un prezo de 45 Euros/t máis Ive, que en total dá 50 Euros, do que o vendedor percibiría 49 e adiantarían 1 Euro á súa conta en IRPF anual, pode ser conseguido, se nos unimos. E aínda afirma que un dia no futuro, que el xa non verá, as organizacións de produtores unidas en cooperativas ou sociedades venderán o 50% da produción directamente aos consumidores. Os produtores “soltos” non abastecen o mercado, nin sequera os grandes, aínda que permiten que se leve un mínimo ás fábricas.

 No abastecemento regulado e no transporte está todo o segredo do prezo da materia prima. O dia que funcione o tren Feve en dirección Ferrol con entrada directa a porto exterior, ou o tren normal desde estacións de Lugo ou Coruña, atravesando toda a masa forestal desde Ribadeo, o problema estará resolto e abaratado. Non digamos se un dia abren ao tránsito marítimo libre o porto de Alcoa ou se habilitan os de Ribadeo, Burela, Celeiro e Cariño, sen menoscabo do transporte en camión desde o monte por estrada. Só uns políticos ineptos e uns empresarios incapacitados non teñen conseguido isto, que é un ben común e repartido. Cada un defende os seus intereses inconfesábeis. Nós o noso.

 Non se pode estar conforme con todas as cousas que están mal nos montes, empezando polo seu estado de abandono, con maleza, sen infraestruturas, con unha silvicultura anticuada, sen xenética nin investigación, a pesar de tantos enxeñeiros e empresas, que deberían ser de servizos e non compradores rematantes que fan o agosto e o xaneiro.

 O eucalipto groso pasado de idade tiña que ter outras aplicacións técnicas e mercados.

 Non vamos pasar á historia forestal cos nosos nomes e apelidos, senón de forma colectiva como organizacións en defensa dos intereses de todos, sen egoísmos locais.  Faremos historia no futuro se conseguimos unir a millares de propietarios que se beneficiarían de bos prezos e melloras silvícolas compartidas, para o que se precisa actuar organizadamente, non vendendo a prezos tirados cando unha tonelada de pasta de papel está hoxe no mercado a 808,75 Euros / 937,67$ e a tonelada de eucalipto só a 30 c/c. Non pode ser que unha só empresa se ría de nós e fixe as tarifas que queira, habendo tal riqueza forestal no país. Ou rían outras fábricas  e  centos de madeireiros. 

 Como facer? Pois seguindo o paradigma de países como Finlandia ou Francia, con economía social e a loita organizada, sempre con transparencia e legalidade. Só así se resolverían os problemas de milleiros de produtores e axudaría a fixar xente no rural e acabar cos lumes. Hai que arranxar isto porque non imos vivir eternamente e temos que achar solucións. Non bastan xa as palabras e as ideas: hai que ir aos feitos e ás obras.